Carlos “Saja” e Andrés Laxe pasaron polos micrófonos de Radio Redondela para falar das festas
O grupo de veciños que prepara as festas da patroa de Reboreda ofrece unha programación que rompe coas tradicionais verbenas “cortadas todas polo mesmo patrón”. A programación, desde o luns e ata o mércores, evita “a música repetitiva que se escoita e todas as festas” e busca “afirmarse no que diferencia á parroquia de Reboreda”. Actuará o grupo Treixadura e a artista redondelá Sheila Patricia, celebrarase unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, que ten vínculos con Reboreda, e tamén ao Carballo das Cen Polas “símbolo da parroquia”.
Logo de que a anterior Comisión de Festas de Reboreda decidira disolverse, o cura da parroquia, Carlos “Saja”, convocou a un grupo de veciños para tentar organizar unha pequena celebración. Andrés Laxe, membro deste grupo, explica que a veciñanza foise sumando e finalmente conseguiron completar unha programación cun orzamento de 30.000 “sen facer verbena”.
Os organizadores sinalan que ademais de non celebrarse verbenas, o programa quere ser “diferente” ao do resto de festas, e que o seu obxectivo é “afirmarse na diferencia”. Recoñece o párroco que “pode sorprender a algúns veciños”, pero que a súa idea é facer algo vencellado á parroquia, con música en galego, actividades infantís e homenaxes a Fernández del Riego e o Carballo das Cen Polas.
O luns ás 21.30 horas actuará a Orquestra de Saxos de Redondela, o martes á mesma hora será o concerto de Treixadura e o mércores día 16 de agosto subirá ao escenario a artista redondelá Sheila Patricia.
A comisión agradece o apoio da veciñanza, “que participou coma sempre para facer a festa” e tamén ao Concello de Redondela “que fixeron tamén a súsa achega para poder organizar a festa”.
Programación
Luns 14, ás 19.00 horas misa solemne en honra a Santa Ana con procesión acompañada polo grupo O Carballo das Cen Polas. Homenaxe aos que levan 50 anos casados.
Ás 20.00 horas terá lugar a apertura da exposición “Francisco Fernández del Riego”. Ás 21.00 horas procederase á lectura do pregón a cargo de Manuel Puga Pereira e ás 21.30 horas actuación da Orquestra de Saxos de Redondela.
Martes 15, comeza a xornada ás 09.00 horas coa oración dunha misa, seguida ás 11.00 horas dos pasa rúas a cargo da banda de gaitas Os Coribantes de Pontecaldelas. Ás 12.00 horas oficiarase a misa cantada pola Coral de Reboreda en honra á Virxe da Asunción con posterior procesión. Ao finalizar os actos relixiosos, a banda de gaitas ofrecerá unha actuación e comezará a poxa de plantas.
Ás 19.00 horas os máis pequenos poderán gozar da obra de teatro da man de Raquel Queizás.
Ás 21.30 horas comezará a actuación do grupo Treixadura e ás 23.30 horas terá lugar unha tirada de fogos artificiais.
Mércores 16, a xornada comezará ás 12.00 horas co oficio da misa cantada pola Coral de Reboreda seguida de procesión en honra a San Roque, acompañada do grupo O Carballo dás Cen Polas. Ás 13.30 horas comezará a poxa de plantas.
Ás 19.00 horas, actuación de Tanxarina para os máis pequenos.
Ás 20.00 horas terá lugar o acto homenaxe e ofrenda floral ao Carballo dás Cen Polas.
Ás 21.30 horas actuación de Sheila Patricia.