Será un dos concertos do Entroido de Verán, e promete poñer a bailar a todo o público. Ortiga é o proxecto musical en solitario de Manuel González, Chicho. Músico, cantante e compositor, este artista compostelán aposta polos ritmos bailables típicos das verbenas galegas, que mistura con cumbia, merengue, bachata e moito autotune. Chicho era o 50% do dúo Esteban & Manuel, creadores do “cumbiatune” ou “psicocumbia”. Tras disolverse o dúo Manuel empredeu o seu camiño en solitario como Ortiga e pouco despois lanzou o seu disco “Chicho e as súas Chichas”. Desde entón é un referente de festas e verbenas, un habitual dos programas da TVG onde coñeceu á artista Pili Pampín e coa que ten feito exitosas colaboracións.
Para a cita deste sábado en Redondela promete “todo o seu arsenal”, con temas onde está moi presente Galicia e a súa xente e versións de clásicos como “O galo remix”.
Amósase orgulloso de formar parte da renovación das verbenas galegas, “eventos culturalmente únicos e moi nosos” que se reinventan para chegar ao público máis novo cun xeito de festexar e relacionarse “que me flipa”, afirma Ortiga.
En canto á súa actuación no Entroido de Verán, desvela que o seu atuendo será “o de sempre: o chándal” do que asegura é “moito máis divertido e cómodo”, aínda que non se descartan sorpresas.
O artista compostelán fai un chamamento para que “todo o mundo veña a Redondela” para gozar dunha das últimas festas do verán “porque non hai mellor plan”.
No escenario do Campo da Feira soarán a partir das 0.30 horas éxitos de Ortiga como “Eu Chorar Chrei”, “Nanana”, “Non hai quen me ature” ou” A veces”.