A Concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela desenvolverá durante os meses de setembro, outubro e novembro media ducia de cursos totalmente gratuítos dirixidos ao público en xeral. As clases abarcarán diferentes ámbitos da informática como creación de blogs, edición de fotografías, creación de álbumes e presentacións ou como realizar trámites coa administración a través de internet. Os cursos realizaranse nas Aulas CeMIT de Redondela e Chapela
O concelleiro Antonio Cabaleiro, que dirixe a área, explica que estes cursos ofértanse en diferentes horarios con máis de 130 prazas en total. En Redondela os grupos poderán ser de ata16 alumnos, e en Chapela de 12. En ámbolos casos as prazas serán asignadas por estrita orde de inscrición, e o prazo está aberto ata o 5 de setembro.
Toda a información relativa aos cursos poden coñecela na web do Concello . A matrícula pode realizarse en persoa nos rexistros habilitados ou a través de internet na sede electrónica municipal.