Miguel Rodríguez, o redondelán que xoga no Celta de Vigo, participou na entrega de medallas
Éxito de público e de xogo no Mundialito da Xunqueira de categorías inferiores que na tarde de onte disputaba as súas finais na céntrica pista redondelá. O Grupo Casa Paco 81 foi o vencedor nas categorías Biberón, Promesa e Benxamín, mentres que nos Alevíns o título foi para Informax e nos Infantís impúxose Telmo Peluqueros. Toda unha festa do fútbol sala para os participantes e as súas familias, que ademais puideron contar coa presenza do que para moitos é xa o seu ídolo, Miguel Rodríguez, xogador do Celta de Vigo. O coñecido xa como “o León de Redondela” participou na entrega de medallas e departiu cos máis pequenos.
Desde o Grupo Casa Paco 81, que colabora no torno organizado polo Concello de Redondela e o Redondela F.S, amosaron o seu agradecemento aos traballadores municipais e ao concelleiro de Deportes, Iván Valles, polo traballo feito. Manuel Conde, o presidente do club, salienta “o esforzo feito por parte dos operarios e do Concello para que a pista da Xunqueira estivese en perfectas condicións despois da celebración do Entroido de Verán”.