Milleiros de persoas de todas as idades ateigaron a vila desde o sábado á tarde ata a madrugada do domingo para participar no XXIV Entroido de Verán. Familias, grupos de amigos e peñas ateigaron as rúas de Redondela. O Concello estima que foron máis de 30.000 os participantes neste evento multitudinario. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a festa “desenvolveuse dun xeito moi positivo”, sen que se rexistrasen ningún incidente grave. Tanto Rivas como a concelleira de Cultura e Interior Rita Pérez valoraron de xeito “moi positivo” o traballo da Policía Local de Redondela e a Policía Nacional, que xunto coa campaña de sensibilización Espazo Libre de Violencias Machistas “resultou todo un éxito”. Do mesmo xeito agradecen “a excelente labor de Protección Civil no Hospital de Campaña”, cos que colaborou tamén a concelleira Pilar Martínez, sanitaria de profesión. A edil de Cultura e Interior explica que, ao igual que noutros eventos e festas deste 2023 “non se rexistraron as cifras marca do ano pasado, cando o Entroido de Verán regresaba logo de dous anos de pandemia, pero a celebración foi multitudinaria”.
A choiva rexistrada na xornada non impediu celebrar o Entroido que encheu as rúas e prazas da vila de disfraces de todot tipo con público que chegou a Redondela en familia, en grupo e tamén con numerosas peñas. A programación do Concello apostou entre grupos por varios artistas galegos como a banda A Quinkillada, Ortiga e DJ redondelán Rodri Veigas, que foi o encargado de pór o punto e final á festa. A programación completouse cos picadiscos Carlos González e Borja Rúa e o concerto do canario Dasoul, ademais da tradicional Gala Drag, con Cristian de Samil como mestre de cerimonias. O público infantil e familiar puido gozar da festa con gran cantidade de actividades con inchables, festa da escuma e o espectáculo “A bailar” de Animar-T, entre outras diversións.
Ketty Pinn imponse na Gala Drag
A gala Drag, conducida un ano máis por Cristian de Samil, repartiu 1.800 euros en premios. O primeiro, con 1.000 euros, foi para Ketty Pinn, o transformista vigués Aitor Martínez. En segundo lugar, cun premio de 800 euros, o xurado exolleu á Drag Ketty Ponn, personaxe de Ángel Martínez, mentres que a porriñesa Charlot Bennet se alzaba co terceiro premio, valorado en 300 euros. Detrás de Charlot está Adrián Rodríguez.
Diminúe o número de incidentes
En canto ao número de incidentes, os casos rexistrados polos axentes estiveron moi por baixo das cifras rexistradas en edicións anteriores cunha ducia de intervencións por pelexas, cando na pasada edición se deron ata medio cento de liortas. Salienta Pérez o importante descenso no número de positivos por alcoholemia nos controis de tráfico realizados”con tan só dous casos desde as 20.00 horas do sábado e ata as 08.00 do domingo”. En canto a accidentes de tráfico nestas doce horas rexistráronse seis “aínda que non se poden atribuír todos ao Entroido de Verán, xa que a situación das estradas logo das chuvias facían máis probable o risco de sinistros”.
No Hospital de Campaña, xestionado por Protección Civil, atendéronse varias feridas leves e cortes, así como a varias persoas afectadas polo consumo de alcol.