Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Punkativada, o referente galego dos festivais infantís

Punkativada

Música, obradoiros e espectáculos encherán a Carballeira do Peirao de Arcade na próxima fin de semana, os días 26 e 27 de agosto. Un festival para xente miúda organizado polo Concello de Soutomaior e que busca ser un referente para toda a rapazada da comarca. O alcalde, Manu Lourenzo, sinala que “tanto os máis pequenos e pequenas como pais e nais poderán desfrutar de concertos infantís, espectáculos de maxia, contacontos, obradoiros e moito máis”.

Manu Lourenzo é o alcalde de Soutomaior

O evento comezará o sábado 26 ás 11.15 horas coas Coruxeiras, dúas artistas locais que presentan a súa última creación musical. Ás 11.30 horas será a quenda do mago Martín Camiña, que chega a Soutomaior co seu espectáculo “Ilusións sen azucre industrial”. Xa ás 13 horas a cativada desfrutará do espectáculo “Ritmando”, a cargo de @s Jaloch@s. Pola tarde haberá un segundo pase das Coruxeiras ás 16.00 e ás 16.30 horas comezará o obradoiro de “Bolas de lá natural de ovella’. Ás 17.30 horas será a quenda do espectáculo de clown e escapismo “A vida tola”, de Natalia “Pajarito”. Xa ás 18.30 horas haberá un segundo obradoiro, “Somos punkis”, centrado en experimentar coa estética e coa imaxe “sen vergoña e sen medo”. Ás 20.00 horas comezará o concerto de Peter Punk e Brais das Hortas. A primeira xornada da Punkativada rematará co peche das Actividades de Verán, que comezará ás 21.00 horas.

O festival retómase o domingo ás 12 horas co espectáculo musical e de contacontos “A Ramona Pequena vai á lúa”, de Pakolas. Pola tarde os rapaces poderán participar no obradoiro “Bonecos de pau”, que comezará ás 17.00 horas. O home orquestra Pulpiño Viascón será o encargado de pechar o festival ás 18.30 horas co seu concerto “Dallecopé”.

A maiores, durante todo o festival estará habilitado o espazo Cacharrada Musical, no que a rapazada poderá facer música e ritmos con todo tipo de obxectos cotiáns. Música e diversión en galego como xeito de reivindicar tamén a cultura e a lingua do país, un dos obxectivos tamén deste festival “ante a perda de falantes tan alarmante que ten o galego entre a sociedade, e nomeadamente entre os máis cativos, e desde as administracións temos que poñer as ferramentas para frealo”, sinala Lourenzo.

Un festival en galego para o mundo

Tamén haberá espazo gastronómico para que as familias poidan gozar da fin de semana “nunha das contornas naturais máis fermosas do fondo da ría de Vigo”. Desde o Concello de Soutomaior confían en que a iniciativa sexa “un éxito” xa que se trata dun certame de gan calidade que pretende consolidarse e converterse “nun referente dos festivais infantís en Galicia”.

Soutomaior quere facer da Punkativada un referente dos festivais infantís en Galicia
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará