Moitos son os que coñecen en Redondela a Gene Muíños, pero poucos os que saben da súa afección pola construción de maquetas. O gusto por este traballo manual vénlle de hai anos, cando comezou facendo a maqueta para o traballo de fin de carreira do seu fillo. Logo viñeron outros para familiares e amigos, e despois edificios emblemáticos de Redondela como a Casa do Concello ou a igrexa. Logo de 15 anos de traballo, foi quen de reproducir en miniatura todo o centro da vila de Redondela, desde o Convento de Vilavella ata o viaducto sobre o campo da feira. Un total de 70 bloques de vivendas aos que dedicou milleiros de horas de traballo.
A mostra non recolle só edificios emblemáticos da vila de Redondela, senón tamén detalles como os bancos, a cabina de teléfonos da parada de taxis, ou as esculturas das penlas da praza da Constitución, das que Gene Muíños está especialmente orgulloso.
Malia o obxectivo cando comezou a traballar coas maquetas era facelas para si mesmo, foron moitos os que o animaron a expoñer estas obras de artesanía. Finalmente todos os que o desexen poderán velo na sala de exposicións da Xunqueira, unha mostra de grandes dimensións que ocupa boa parte do baixo de edificio. Esta tarde ás 20.00 horas inaugúrasea exposición baixo o título “A nosa pequena vila”, un xogo de palabras polas reducidas dimensións das maquetas a escala (1,5:100) e o nome dun barrio de Estrasburgo, La Petite France.
A expocisión poderá visitarse ata o 30 de setembro.