Tralo éxito dos anteriores programas de visitas culturais para as persoas maiores, o Concello de Redondela pon en marcha unha nova edición, esta vez, ao norte de Portugal. A partir deste venres 1 de setembro, as persoas maiores de 55 anos, poderán inscribirse nas oficinas de Turismo (de 11:00 a 19:00h) para a excursión organizada para visitar Valença, Monçao, Melgaço e Vilanova de Cerveira. Esta saída desenvolverase a partir do mércores 13 de setembro, dando a posibilidade de máis datas para dar cabida a todas as inscricións, sendo a data límite para anotarse o venres 8 de setembro. O prezo desta primeira visita será de 19€ e como novidade, o pago poderá realizarse con tarxeta directamente nas oficinas de Turismo na rúa Isidoro Queimaliños.
A concelleira de Persoas Maiores do Concello de Redondela, Pilar Martínez, retoma esta iniciativa tralo éxito das anteriores edicións nas que se chegaron a superar as 600 inscricións. Viaxes como a Ribeira Sacra gozaron do beneplácito das persoas maiores do noso municipio na que, a calidade do xantar e as incríbles panorámicas da contorna, animaron ás persoas participantes a seguir demandando máis saídas, abaladas polo reducido prezo xa que o transporte está financiado polo concello. Tal e como mantén a rexidora local, Digna Rivas, “a intención é que as persoas maiores poidan socializar e facer actividades ao aire libre a un prezo adsequible para todos e todas, e coñecer lugares de interés cultural, histórico ou patrimonial.”