Carme Lobato leva unha semana nos soportais do concello explicándolle aos viandantes a súa petición: reunir sinaturas para trasladarlle á Xunta a necesidade de promover en Redondela alugueiros sociais que permitan o acceso a unha vivenda tamén ás rendas baixas.
Alugar un piso en Redondela tradicionalmente non é doado debido a escaseza de vivendas baleiras. Unha falta de oferta que se viu agravada nos últimos tempos coa chegada do turismo, nomeadamente dos peregrinos, que fixo que moito propietarios buscando unha maior rendabilidade optaran polos aloxamentos vacacionais, reducindo aínda máis o número de vivendas no mercado accesible aos alugueiros de longa estancia.
Unha situación que fixo incrementar uns prezos que a día de hoxe sitúanse por riba dos 500 euros, mensualidades que non todos os petos poden afrontar.
Consciente das dificultades que supón acceder a unha vivenda asequible, Carmen Lobato decidiu saír a rúa armada de papel, bolígrafo e moita paciencia para solicitar da veciñanza o seu apoio en forma de sinatura.
O obxectivo é lograr “cantas máis sinaturas mellor” para trasladarlle á Xunta unha petición “para a creación de vivendas sociais en Redondela orientadas a persoas vulnerables”.
Lobato sabe do que fala, xa que hai dúas décadas foi obrigada a desaloxar unha vivenda con dous fillos pequenos por non poder facer fronte aos pagos.
Anima a veciños e veciñas a sumarse a súa petición e asinar esa demanda que insiste “so busca que sexa unha realidade o artigo da Constitución onde se recolle que “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e que os poderes público promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito”.