Logo de despedirse da Copa Galicia nun vibrante partido ante o IES Coruxo, este venres o club vivirá un día histórico co seu debut en Copa do Rei. O club, que celebra o seu 30º aniversario, poderá estrear esta competición na casa. A sorte quixo que este primeiro encontro se dispute no pavillón municipal de Pazos ante os asturianos do San Cucao. Todo un luxo para os afecionados ao fútbol sala de Pazos e toda a comarca, xa que serán o único equipo da provincia de Pontevedra que dispute este ano esta competición. Fran Amoedo, director deportivo do club, sinala que para eles é todo un “privilexio” e advirte que aproveitarán o apoio do seu público “para non renunciar a nada”.
O encontro será hoxe venres ás 20.00 horas e as entradas están á venda a un prezo de 5 euros. Será o tereceiro partido oficial para o técnico Alberto Matilla, que relevou no banco a Amoedo. O sábado 16 será o debut ligueiro en Terceira, cando reciben na casa ao Sport Sala Culleredo.