Axentes da policía local de Redondela detiveron nesta fin de semana dúas persoas. Un deles, un varón, foi detido por atentado aos axentes da autoridade nuns feitos que acontecían na tarde do venres. A segunda persoa detida foi unha veciña de Ponteareas na madrugada do sábado acusada dun delito de roubo con intimidación.
O primeiro dos sucesos tiña lugar na tarde do venres logo de que se dera aviso da presenza dun varón que se atopaba golpeando o mobiliario no centro urbano da vila así como increpando aos viandantes. Alertados os axentes procederon o localizalo, reaccionando o varón de forma violenta negándose a identificarse e propinando unha patada a un dos axentes ao que posteriormente tentaría morder. Foi detido e trasladado a un centro médico para a súa valoración e finalmente foi entregado na comisaría por un delito de atentado aos axentes da autoridade.
Na madrugada do sábado foi tamén precisa a intervención da policía local logo de que unha moza de 19 anos veciña de Ponteareas se enfrontase nun establecemento da vila a outras dúas mulleres facendo uso incluso dunha navalla, que lle foi arrebatada por unha testemuña quen lla sacou dun golpe. Posteriormente, collería con violencia o teléfono móbil dunha das implicadas e emprendería unha fuxida á carreira, sendo finalmente alcanzada por un dos axentes. Unha vez identificada e intervido o teléfono, procedeuse a súa detención e traslado a comisaría.