O Concello de Redondela, a través das concellerías de Medio Ambiente e Sustentabilidade, traballa dende hai meses en dous programas municipais que buscan reducir a presenza de animais abandonados no municipio. Esterilizar e promover a adopción son as dúas patas dun programa que busca controlar as colonias e garantir o benestar dos animais.
As colonias de felinos non aparcen de xeito espontáneo. Así o exlica o edil de Sustentabilidade, Roberto Villar, quen subliña que “son animais abandonados que se achegan as casas, lles dan de comer e acaban reproducíndose de xeito incontrolado”. Por ese moitivo instan aos veciños a seren responsables e “se deciden alimentar un animal deben facelo con todas as consecuencias, é dicir, adoptándoos e procedendo a súa esterilización para evitar que se reproduzan masivamente”.
No que vai de ano, dentro do programa CER (Captura, Esterilización e Retorno) xa fixeron preto de cen esterilizacións co obxecto de controlar as colonias de gatos que se atopan en diferentes puntos do municipio.
Engade Villar que o seu obxectivo non é eliminar estas colonias, xa que son conscientes de que desenvolven un labor positivo de desratización, pero si telas baixo control e que o número de animais abandonados e salvaxes non se incrementen exponencialmente.
Dende o Concello están traballado nese eido, pero sobre todo o que se busca é concienciar para que a veciñanza esterilice e tamén adopte. Neste sentido xa se logrou a adopción dun total de 27 gatos, animais que foran abandonados e que acabaron en mans do concello quen se encargou de xestionar a súa saída de cara a familias responsables.
Villar lembra que o programa non ten recursos ilimitados, o seu orzamento é de 10:000 euros que podería verse incrementado con subvencións supramunicipais, pero en ningún caso contan con cartos suficientes para asumir a cantidade de animais sen dono que existen en Redondela. Por este motivo fai un chamamento á responsabilidade de todos e todas e alerta tamén das condutas irresponsables dalgunhas persoas.