A Asociación de mulleres Arela oferta na antiga escola da parroquia unha variada selección de cursos abertos a todos os veciños e veciñas que queiran participar. As persoas interesadas deben poñerse en contacto coa asociación a través dos teléfonos 649568098, 616983645 ou 615838387.
A oferta vai dende actividades centradas máis no noso corpo como Ioga, pilates e tai-chi, outras de cultural tradicional como Pandeireta e Canto pasando polas de carácter lúdico e estético como calceta, ganchillo, bordado e arte floral, todas elas polas tardes. Haberá tamén posibilidade de exercitar a nosa mente cun curso de memoria que se impartirá en horario de mañá.
Dende a Asociación destacan que estes cursos están abertos tanto para homes como para mulleres, de calquera idade e con calquera tipo de inquedanza e procedencia. Nun ambiente lúdico, pretenden fomentar as relacións interpersoais exercitando diversos aspectos de nos mesmas e nós mesmos.
Para maior información sobre horarios e tarifas facilitan o contacto de Ana- 649568098, Mercedes-616983645 e Victoria-615838387
A Asociación de mulleres Arela centra as súas actividades principalmente no colectivo de mulleres, pois tanto as socias como a directiva está composta exclusivamente por elas. Trátase dun colectivo moi arraigado na parroquia de Saxamonde colaborando na dinamización da vida asociativa e cultural, por este motivo animan a aquelas mulleres que se sintan motivadas polas dinámicas asociativas a sumarse ao colectivo.