O programa municipal de adopción felina continúa co seu chamamento á cidadanía para darlle un fogar responsable a un dos últimos animais rescatados no concello. Trátase de Eufemia, unha gata que despois dunhas semanas de atención e ao non aparecer persoa que a reclame, está agardando unha familia que se faga cargo do seu coidado. Poden poñerse en contacto no teléfono 986 400 300 ou no correo medioambiente@redondela.gal
Trátase dun animal de pouco máis de ano e medio, moi sociable e a quen lle gusta estar ao carón das persoas. Explican dende a Concellería de Sustentabilidade que Eufemia foi rescatada na zona de Vilavella cunha ferida infectada da que recibiría a alta veterinaria pouco despois, unha vez recuperada. Agora, a través do programa de adopción municipal, búscase unha persoa que peche o seu círculo dándolle coidados e un fogar, como xa o fixeron neste verán un numeroso grupo de persoas que asumiron a adopción de ata 27 gatos abandonados.
Lembramos que os animais entréganse esterilizados, desparasitados e coas vacinas da idade ao día. Tamén se lle ofrece a familia alimento para os primeiros días.