A alcaldesa destaca destes cen días de goberno do que é o seu segundo mandato as “obras de calado” que se están a executar en Redondela “algunhas das cales están xa na súa fase final como o estacionamento disuasorio de Vilavella”. Unhas actuacións que forman parte dun programa que “ante todo o que busca é mellorar a vida dos e das redondelás”. A nivel interno asegura que “a comunicación con AER é total e absoluta” e lembra que o goberno de coalición estaría aberto a que entrara o BNG.
Esta semana cumpríronse os cen días de goberno do segundo mandato de Digna Rivas como alcaldesa en Redondela. A investidura tiña lugar o pasado 17 de xuño e chegaba logo dunha longa negociación que daba como resultado ademais a formación dun goberno bipartito apoiado no concelleiro de AER, Roberto Villar reeditando unha coalición que non funcionou no mandato anterior.
As negociacións foron complicadas, está a ser este mandato tamén complicado en canto a esa colaboración PSOE-AER?
- Para nada. O desencontro con AER foi puntual no mandato anterior pero durante os dous anos previos ao coñecido conflito das algas o traballo e a colaboración foi boa. De feito, na actualidade a comunicación é total e absoluta, con AER únennos moitos puntos en común en canto as nosas liñas programáticas. As forzas progresistas conseguimos en Redondela máis votos que a dereita e era obrigado que nos entederamos.
Un goberno en minoría tras a negativa do BNG de entrar a formar parte de dito goberno, hai posibilidade de que se amplíe o goberno?
- Nos queríamos que o BNG formara parte deste goberno de esquerdas e nese sentido houbo propostas contundentes por parte de PSOE e AER para que entraran, propostas que rexeitaron. Con todo, seguimos coa man tendida para que entren a gobernar. En todo caso é unha decisión do Bloque e o importante agora é o traballo de colaboración que se está a facer no día a día co obxectivo de chegar a acordos con eles malia que haxa desencontros puntuais.
Superados estes cen días de “cortesía”, pensan que o PP vai pasar a exercer a oposición dun xeito máis duro?
- O PP, estase vendo nos plenos e nas súas actuacións en xeral, realiza unha política de pataleta e revanchismo, non aceptan os resultados que saíron das eleccións cunha cidadanía que claramente votou aos grupos de esquerda. En ningún caso realizan unha oposición produtiva polo que lles pido que se reconduzan e fagan as cousas doutro xeito.
O novo goberno supuxo moitos cambios nas filas do PSOE, por unha banda porque presentaba unha lista con moitos nomes novos e tamén pola decisión de María Castro de dimitir. Iso supón unha ruptura co feito nos catro anos anteriores?
- Este novo goberno está a traballar dende o primeiro día para resolver todos os problemas dos veciños e veciñas, estou moi orgullosa deste equipo do mesmo xeito que estou orgullosa dos que me acompañaron nos catro anos anteriores. Agora estamos nunha nova etapa na que traballamos por conseguir concretar todo o que levamos no programa.
Cales son as cuestións máis urxentes nas que está a traballar nestas semanas?
- O obxectivo é mellorar a calidade de vida da veciñanza e nese sentido estamos executando obras de calado como o estacionamento disuasorio de Vilavella que está en marcha, a humanización da rúa Salgueiral e Cardosas ou en Chapela obras na Alameda de Rosalía de Castro, o campito ou o skate park da senda verde, que debería estar rematado en cuestións de meses. Taménestá a executarse a primeira fase das obras na subida a Cidadelle, unha humanización que os veciños levaban anos reclamando.
E cales son os proxectos que quere sacar adiante neste mandato?
- Son varios, como a continuidade da Senda Verde de Chapela, mellora das instalación deportivas da parroquia, construción dun edificio de usos múltiples no que era o antigo colexio Igrexa, a ampliación do Paseo Maceiras e a peonalización de diferentes rúas.