O PP de Redondela explica que unha vez rematado o anterior contrato coa adxudicataria do Servizo de Atención ao Fogar están aínda sen publicar os pregos da nova licitación malia que “Digna Rivas comprometérase a que a empresa Os Ventos estaría ata setembro”.
O PP de Redondela pon de manifesto a gravidade da situación do Servizo de Axuda no Fogar, unha vez rematado o contrato coa anterior empresa adxudicataria e sen estar publicados os pregos da nova licitación. Pese ao deficiente servizo que estiveron a sufrir os usuarios e aos centos de rexistros con queixas presentados no concello, asegura o o protavoz do PP “Digna Rivas volve incumprir a súa palabra e prorrógalle o servizo á actual empresa a pesar de todos os problemas que causou tanto a usuarios como as traballadoras do servizo”.
Unha situación da que culpabilizan a a alcaldesa “só Digna Rivas é a responsable do calvario que levan sufrindo e seguirán sufrindo os nosos maiores e dependentes, despois de escusas, da aprobación duns pregos en solitario, de afirmar que este mes a empresa Os Ventos non seguiría en Redondela e de ser incapaz de sacar uns pregos a tempo”.
Javier Bas alertou que isto pon en risco o servizo do que se benefician moitas familias e cidadáns de Redondela e insiste en que “non se pode permitir que outra vez máis os veciños se vexan prexudicados, máis aínda en servizos tan importantes e tan necesarios como é o SAF”.
Asegura tamén que a situación actual era previsible e evitable “dende o grupo municipal levamos meses avisando da gravidade da situación e aportando solucións que rexeitaron pero dende o equipo de goberno non se fixo nada. Tiñamos unha deficiente prestación do servizo, e visto o visto, a empresa seguirá prestando ese servizo porque Digna Rivas foi incapaz de sacar un prego e licitar o servizo a tempo. Os usuarios seguirán nunha situación de desamparo e non o imos tolerar”.
Lista agarda Servizos Sociais
A todo isto engaden a “inaceptable lista de agarda dos servizos sociais” que aseguran supoñen para os usuarios unha espera de ata tres meses para seren atendidos.