París de Noia será a encargada de despedir o 2023 en Redondela
Unha programación “pensada para todos os públicos” e que aposta por “achegar as actividades tamén as parroquias” segundo destacan dende o goberno local. A batalla de Rande, o ciclo Humor na súa tinta, as actividades orientadas a público infantil e os concertos conforman unha programación que se prolongará ata o Nadal, datas nas que se programan dúas festas pre fin de ano con actuación das orquestras Olympus en Chapela e París de Noia en Redondela.
Concertos, teatro, exposicións, espectáculos de humor e celebracións tradicionais como os magostos ou o Samaín” son as actividades destacadas dunha programación que segundo apunta a alcaldesa Digna Rivas “está pensada para todo dipo de públicos e aposta por achegar as actividades tamén ás parroquias”.
Para os máis pequenos a programación ofrece o concerto de Pakolas que estrea “Contos, cores e rock&roll coa Ramona pequena” o 3 de novembro no auditorio da Xunqueira, o espectáculo cómico e circense de Teatro ao Cubo, o 3 de decembro no Multiusos de Chapela ou a música da Gramola Gominola o 10 de decembro en Redondela.
No programa ten un lugar destacado o X Acto de Conmemoración da Batalla de Rande cuxo adianto será xa este sábado nas rúas de Redondela cun desfile e unha busca do tesouro pero que vivirá as súas actividades principais no Meirande na fin de semana dos días 21 e 22.
Festas tradicionais
A celebración de festas tradicionais como o Magosto “é outra aposta clara da concellería de Cultura e que se extende máis aló do centro urbano” sinala a edil de Cultura, Rita Pérez quen apunta que en Chapela celebrarase o 28 de outubro, o 11 de novembro en San Martiño de Ventosela e o 19 e novembro na Alameda de Castelao” co obxecto de “poñer en valor unha celebración moi importante e de gran arraigo en Galicia para disfrute do maior número de xente posible”.
Samaín
No caso do Samaín a concellaría de Cultura prepara unha xornada completa de actividades que se reparten en diferentes lugares para conmemorar a Noite de Defuntos. O 31 de outubro desde as 17.00 horas celebraranse obradoiros de cabazas e de maquillaxe e tatuaxes de terror tanto no Multiusos da Xunqueira como no de Chapela. A Alameda Castelao acollerá tamén un “Túnel do Terror” para rapazada a partires dos 12 anos, así como o espectáculo “Pesadelos”, de Troula Animación no Palco da Música. O pasarrúas “Matilda a araña xigante” percorrerá o centro da vila e os que queiran emocións fortes poderán participar nun “Scape Room” no Multiusos da Xunqueira onde terán que tentar escapar superando diferentes probas e retos. Pérez Táboas advirte que os máis atrevidos poderán percorrer a vila coa visita teatralizada Noite de Defuntos “na que poderán vivir as lendas, supersticións e crenzas desta noite tan especial da tradición galega”.
Humor na súa tinta
O ciclo de comedia “Humor na súa tinta” chega á súa VII edición no auditorio da Xunqueira. A primeira das citas será “O musical dos 80′ e 90′”, unha comedia musical orixinal e divertida que poderá verse o 22 de outubro. En novembro a cita será o día 12 con “Ocho apellidos andaluces” con catro cómicos do sur. A actriz, cómica e presentadora Beatriz Rico será a protagonista do ciclo o 17 de decembro co monólogo “Pepa, no me des Tormento”. O 2024 comezará co “First Comedy Date” o 14 de xaneiro e pechará o ciclo de “Humor na súa tinta” o compoñente da banda da Resistencia Grison Beatbox “En bucle” o 4 de febreiro.
Música
A programación Cultural contará coa mellor música e cunha aposta clara polos grupos e artistas locais e doutros puntos de Galicia. Destacar o concerto de Uxía Trío o 18 de novembro, o do redondelán Alberto Vilas o 9 de decembro no que presentará o seu último traballo “Once cancións e unha danza”, ou a actuación do Grupo Ghaveta o 16 de decembro.
Tanto Redondela como Chapela gozarán dunha festa previa á despedida do ano con grandes orquestras. O paseo marítimo de Chapela acollerá a actuación de Olympus o 29 de decembro, mentres que París de Noia é un ano máis a orquestra escollida para a celebración pre fin de ano en Redondela, no campo da feira, o día 30 de decembro.