A casa do Val do Sobral de Soutomaior acolle este 14 de outubro a partir do mediodía un “serán solidario”. Os cartos recadados serán destinados a axudar á familia afectada no incendio do pasado 8 de setembro provocado por un lóstrego que reducía a súa vivenda a cinzas. Unha iniciativa que forma parte do programa de accións que se están a desenvolver dende diferentes colectivos sociais e veciñais de cara a reunir fondos para reconstruir a súa casa.
No serán deste sábado está confirmada a participación de grupos e solistas como Marcelo Dobode, Likor de gaita, Gaitas e pandereteiras de Soutomaior, Torreiro de Forzáns, os do Matadeiro de Ponte Sampaio, os Xeitos da Ínsua, Asubíos de Portocedeira, Aires de Castrelada, Picota FM e os Djs Rodri Vegas e Dj Abel.
Durante toda a xornada poderase degustar churrasco con cachelos, bocadillos, hamburguesas e outros petiscos a prezos populares.
Unha iniciativa que parte da sociedade civil e que conta coa colaboración de diferentes empresas e casa comerciais tanto de Soutomaior como de Redondela.