O primeiro equipo da Sociedade Deportiva Pazos que milita na terceira división caeu derrotado por un contundente 8-2 ante o Distrito Ventorrillo FS e suma así a súa terceira derrota consecutiva logo de arrancar a tempada con moi boas sensacións. Na Preferente o Campito caía derrotado no campo do Bueu por 7-1 mentres o Redondela Rodavigo asinaba unha nova vitoria, nesta ocasión ante o equipo Pizarras Los Tres Cuñados por 3-4.
Distrito Ventorrillo 8-2 Pazos FS
O Pazos FS competiu ben pero as numerosas baixas, con tan só 5 xogadores do primeiro equipo, fixeron que o partido se lles fixera moi longo ante o probablemente gran candidato ao ascenso, o Distrito Ventorrillo. Engaden tamén unha mala actuación arbitral que non lles facilitou as cousas.
Para a semana tentarán recuperar efectivos para recibir aos xogadores do Santa Isabel FS Outeiro de Rei, cuartos na clasificación.
Bueu 7-1 Campito Chapela
Derrota tamén para o Campito Chapela, que logo de cinco xornadas no coñece a vitoria. Nesta ocasión caían ante o Bueu cun contundente 7-1. Unha xeira de malos resultados que os relegan ao último posto da clasificación. Na vindeira semana tentarán sumar puntos nun partido que se disputará en Chapela: reciben ao Beade Copefri.
Pizarras Los Tres Cuñados 3-4 Redondela FS Rodavigo
Mellor lle van as cousas ao Redondela FS. 3-4 foi o resultado dun encontro disputado no pavillón do Barco ante o Pizarras Los Tres Cuñados. Dende unha cómoda terceira posición tentarán seguir sumando puntos no partido que na vindeira semana disputan na casa. Reciben ao Poio Pescamar.
Primeira Autonómica
Arealonga 6-2 Pazos B
Campito B 6-2 Valladares B
Na próxima xornada dispútanse os encontros Beade B-Arealonga e Pazos de Borbén B- Campito B.