O Concello de Soutomaior aposta polo cine para o tempo de ocio. Nesta fin de semana proxectan no Multiúsos de Arcade dúas películas premiadas como son “Las niñas” de Pliar Palomero e “O Corno” de Jaione Camborda, directora que manterá un coloquio co público tralo pase da cinta.
Soutomaior está a celebrar en colaboración coa Filmoteca Nacional o Día do Cine Español. Faino coa proxección de diferentes títulos que esta fin de semana achegarán ao multiúsos a premiada “Las niñas”. Película premiada con catro Goyas no ano 2020, lévanos ata a década dos noventa. A protagonista é Celia, unha nena de 11 anos que estuda nun colexio de monxas en Zaragoza. Alí vivirá a súa adolescencia en compañía de Brisa, recén chegada de Barcelona, e outras estudantes do centro. Poderase ver o venres ás 20:00 horas con entrada de balde.
O sábado a cita será coa aclamada O Corno, premiada coa Concha de Ouro no festival de San Sebastián deste ano. A directora Jaione Camborda lévanos ata a Illa de Arousa no ano 1971. María gaña a vida recollendo marisco e tamén é coñecida pro axudar a outras mulleres no parto. Un suceso inesperado vaina obrigar a fuxir e emprender unha perigosa viaxe, cruzando a fronteira por unha das rutas de contrabandistas entre Galicia e Portugal. A proxección será ás 19:30 horas e a continuación o público poderá conversar coa directora.