A experiencia está dirixida a guionistas e directores residentes en Galicia con algún proxecto audiovisual entre mans, que poderán enviar as súas solicitudes até o 30 de novembro. Optarán a participar na segunda edición de ConectaLab, un laboratorio audiovisual impulsado desde a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) que culmina cunha residencia artística na illa de San Simón.
As inscricións poden formalizarse a través da web do programa e para optar iso necesítase presentar un dossier e un borrador do guion dun proxecto audiovisual en desenvolvemento (pode ser unha serie, unha película ou un documental). ConectaLab consiste nun laboratorio para acompañar o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de iniciativas audiovisuais xunto ao asesoramento de profesionais do sector.
Entre todas as ideas que se presenten, seis serán seleccionadas para vivir a experiencia; cinco delas estarán escollidas por un Comité de Selección e a sexta sairá de entre as produtoras do evento Conecta+, que se celebrará en xaneiro de 2024. Algúns dos criterios de selección será a viabilidade do proxecto ou a relación con Galicia, así como que os participantes sexan residentes na comunidade galega e, preferiblemente, menores de 30 anos.
Como o paso final de ConectaLab é a residencia de dez días na illa de San Simón o próximo mes de abril, tamén se ten en conta que os proxectos candidatos teñan algunha temática vinculada con este lugar da ría de Vigo.