Os animais apareceron no areal ao longo dos últimos días e todo apunta a que se trataría de congros que morreron a consecuencia das elevadas precipitacións dos últimos temporais que provocaron a desalinización da auga do mar. Unha situación que afecta tamén aos bancos marisqueiros, cunha elevada mortandade en ameixas, berberechos e navallas.
A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez, informa que desde hai varias xornadas están a aparecer no areal de Cesantes e noutros puntos do litoral de Redondela, ducias de congros mortos. A edil explica que desde o Concello estase a controlar a aparición destes peixes dándolle traslado ás autoridades competentes da consellería do Mar así como ao técnico de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Afirma ademais que este fenómeno responde a situación de temporal que se vivíu ao longo do mes de outubro e novembro, concretamente “todo apunta a que esta mortandade é debida á desalinizacion da auga do mar polas intensas chuvias dos últimos días, e aos cambios de temperatura”. Os servizos municipais están a proceder á retirada destes peixes do areal, e xa se contabilizaron preto de 30.