O equipo “Os raios de Redondela” integrado por Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago, alumnos do IES Illa de San Simón vai facer realidade o seu soño de participar na fase internacional que se vai celebrar en Tailandia entre o 1 e o 10 de decembro.
Resolto o problema do financiamento da viaxe, que será sufragada pola Xunta, amósanse animados de cara a participar na Olimpíada Xuvenil de Ciencias que se celebra na Universidade de Bangkok e na que van representar a España fronte a outras 54 delegacións procedentes de todo o mundo.
Os tres alumnos, que actualmente están a cursar 4º de ESO, xa obtiveran a mellor puntuación de toda Galicia de entre os 583 equipos que se presentaron á fase autonómica, posición que lles permitiu facerse un oco na fase estatal celebrada no pasado mes de xullo. Os seus bos resultados nunhas probas nas que participaron 18 equipos permitíronlle acceder a esta fase internacional, que se celebrará en Tailandia en decembro.
Na mañá de hoxe recibían o recoñecento do presidente da Deputación, Luís López quen se trasladou ao centro educativo a darlles ánimos para esta aventura da que dixo “ides saír sendo campións do mundo”.
O camiño ata lograr ese recoñecemento non foi doado, con todo confían en repetir o éxito das fases anteriores e conseguir superar todas as probas que lles poñan por diante onde se valorarán os seus coñecementos en materias como matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía.
Non teñen dúbida de que os asiáticos son os rivais a bater porque “sempre gañan países como Indonesia, Taiwan, Xapón… son alumnos que chegan moi ben preparados, teñen un sistema educativo moi potente”. Con todo, entenden que as probas ás que terán que enfrontarse abren as portas a que se valoren outras cuestións máis aló dos coñecementos concretos.
Malia que van a divertirse e a gozar dunha experiencia que de seguro será inesquecible non deixan de lado a preparación “imos facelo o mellor que poidamos” e para poder afrontar esas probas con máis seguridade están recibindo clases os domingos por parte da propia organización da Olimpíada e tamén clases de reforzo no propio instituto”.
Unha experiencia que está xa a ser intensa nestes días previos a celebración da Olimpíada. De feito, se hoxe recibían ao presidente da Deputación na xornada de onte achegábanse a Santiago onde eran recibidos polo Conselleiro Román Rodríguez quen salientou o “orgullo de que estes mozos e mozas galegos representen ao conxunto do país nun certame internacional de divulgación científica”.