A Praza do Concello acolleu o acto institucional en homenaxe ás vítimas de violencia de xénero con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller. María Foscaldo ou “La Repunante” foi a encargada de ler o manifesto de apertura que deu paso as intervencións das Concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, a Concelleira de persoas maiores e infancia, Pilar Martínez, e representantes das asocaicións Andaina, Lenda e do CEIP Santa Mariña.
“La Repunante” abriu o acto ante case 200 persoas presentes cun discurso emotivo, crítico, pero cheo de humor. A súa personaxe “Virtudes” valeulle para denunciar a violencia machista, a desigualdade e lembrar as 51 mulleres asasinadas no que levamos de ano. Aínda que con ironía e comicidade, soubo mandar unha mensaxe clara que se centrou nos rapaces e rapazas máis novos presentes na praza.
Os protagonistas deste ano foron os máis cativos e cativas do Santa Mariña cun preparado manifesto expresaron o que “queren e non queren” na sociedade na que conviven, porque “son o futuro”. Os nenos e nenas berraron frases de forma coordinada como: “Gústanos os homes que coidan” ou “Non nos gusta o desprezo as mulleres, os abusos nin os homes que matan as mulleres”.
Aaron e Lorena representaron á asociación Andaina de persoas con diversidade funcional e resaltaron a responsabilidade social. “Temos o poder de romper as cadeas e a violencia e construír un futuro máiss seguro para todas e todos”.
Dúas mulleres usuarias de Lenda encargáronse de denunciar a violencia machista no ámbito da saúde mental e destacaron a campaña #NosotrasSíContamos da Confederación de Saúde Mental de España. Mostraron as súas preocupacións cun comunicado que puxo a nota máis reflexiva da xornada e que comezaba lembrando que o 25 de novembro “non é un día de celebración, senón de reivindicación”. Divulgaron datos alarmantes cos que demostraban que a violencia machista aumenta nas mulleres con enfermidades mentais. “O 80% das mulleres con enfermidades mentais sufriu algún tipo de violencia por parte da parella e o 40% foi vítima de violencia sexual ao longo da súa vida”.
Os asistentes e representantes institucionais puideron dirixirse ao Salgueiral para a facer tradicional ofrenda floral que se realiza tódolos anos na árbore Ginkgo Biloba. Alí, Concha e Pilar volveron a intervir, como xa é habitual, coa lectura de dous poemas de Sesé Mateo.
A programación do 25N de Redondela continúa hoxe coa gala aberta ao público da terceiraedición dos Premios Sesé Mateo que se desenvolverá ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira. A mestra de cerimonias será a xornalista redondelá Laura Vaqueiro nun acto no que se lle fará a entrega do galardón a gañadora, Ana González Liste, e que contará coa actuación do grupo musical “Faíscas” de Chapela.