Os escaparates dos establecementos comerciais tanto en Chapela como no centro da vila amosan estes días unha imaxe diferente e chamativa: unha decoración con precintos e sinais de perigo que serven para alertar da ameaza que para o pequeno comercio supoñen campañas como a do Venres Negro. “Non nos queda outra que sumarnos a estas xornadas de desconto arrastrados polas grandes superficies e cadeas pero para o comercio local é contraproducente”. Con todo, durante a xornada de hoxe e mañá ofrecerán produtos rebaixados en torno a un 20%.
O Black Friday tamén se celebra en Redondela pero faino cun espírito reivindicativo. O comercio de proximidade, arrastrado por unha tradición de orixe americana que ten callado fortemente na última década, ofrece tamén durante este venres e sábado descontos que xiran en torno a un 20%, superando esa porcentaxe nalgúns produtos concretos, nunhas xornadas potentes previas ás celebracións do Nadal.
Con todo, os comerciantes son conscientes de que non poden competir coas agresivas campañas que poñen en marcha as grandes superficies pero insisten “malia que os nosos descontos son menores, son reais” facendo referencia así a unha práctica que se ten detectado neses grandes comercios que inflan os prezos nas semanas previas a este celebración para logo publicitar descontos maiores.
Así o afirma a técnica da Asociación de Empresarios, Julia Alonso “as prácticas comerciais dos grandes grupos con políticas fluctuantes de prezos chaman á atención da clientela desprazando aos pequenos establecementos que manteñen liñas máis estables e na que os descontos aínda que menores son reais”.
En Redondela os días fortes de descontos son hoxe e mañá cando máis de 40 establecementos comerciais se suman a esta campaña que nesta edición non contará coa proxección que contou en anos anteriores cando o Concello facía coincidir o acendido das luces co Black Friday.