A enfermeira Ariana Puga será a encargada de impartir dous obradoiros de carácter práctico que se desenvolverán hoxe luns e o mércores 29 ás 18:30 no Multiúsos da Xunqueira. O primeiro estará centrado nos Coidados no fogar e no mesmo explicaranse como realizar coidados básicos das persoas dependentes como poidan ser cambios posturais, aseo e alimentación e tamén se achegarán as claves para poder identificar as primeiras sinais de demencia.
Cuestións prácticas e necesarias para quen ten algunha persoa dependente ao seu cargo, como explicaba dende Formavigo, Fernanda Couñago, quen engadía que tamén se vai asesorar aos participantes sobre a onde acudir cando detectamos algunha demencia ou deterioro cognitivo nun familiar.
O mércores día 29 Puga formará aos asistentes para poder realizar prácticas de primeiros auxilios: unha reanimación cardiopulmonar, como identificar e actuar ante un ictus ou ante un abafamento.
Os dous obradoiros, organizados dende a Concellería de Maiores e coordinados dende a Fundación Formavigo desenvolveranse ás 18.30 horas no auditorio da Xunqueira de Redondela.