Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un ano sen pediatra no Centro de Saúde de Arcade

arcade saúde

O BNG denuncia que o centro de saúde leva dende novembro de 2022 sen pediatra “despoios de que a Xunta decidise non cubrir a baixa da anterior facultativa que ocupaba a praza. Os nacionalistas esixen solucións á Xunta e preparan un calendario de accións para esixir que se respecten os dereitos da veciñanza.

Nestes doce meses, a Xunta obviou as numerosas queixas da veciñanza e as peticións do BNG para buscar unha solución a esta situación. O Goberno galego optou por poñer parches a este problema, facendo que o centro de saúde compartise pediatra algúns días con Vilaboa ou facendo que médicos de Atención Primaria atendesen os casos de pediatría, pero que en ningún caso supoñen unha solución real.

A falta de pediatras durante todo este ano fixo que os períodos de agarda fosen de varias semanas, o que obrigou a moitos pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra para que puidesen ser atendidos. A veciñanza leva anos a sufrir a falta xeneralizada de persoal médico no centro de saúde de Arcade, xa que o noso concello só conta con tres facultativos. Isto provoca que Soutomaior teña unha ratio de atención de un médico para cada 2.500 persoas, moi por enriba do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

A concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, explicou que “dende o goberno de Soutomaior estamos a traballar para que en 2024 o centro de saúde de Arcade conte cun médico máis, pasando de 3 a 4. É fundamental que o servizo de pediatría tamén se reforce e a Xunta garanta que os nenos e nenas do noso concello van poder ser atendidos por un ou unha pediatra no seu concello, sen ter que desprazarse a Pontevedra ou agardar varias semanas”. Neste sentido, o BNG de Soutomaior presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para esixir ese aumento de persoal no cadro do centro de saúde de Arcade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará