A Asociación de Empresarios vén de distribuír nos comercios locais máis de dez mil bolsas, sobres de agasallo, etiquetas e outros elementos de empaquetado totalmente biodegradables. Unha iniciativa enmarcada dentro da campaña de eco-packaging do colectivo que busca ofrecer unha imaxe homoxénea aos comercios asociados ao tempo que lles permite ofrecer aos seus clientes un servizo de empaquetado gratuíto
Desde a Asociación de Empresarios de Redondela lembran que mentres as grandes superficies están a cobrar á clientela tanto por bolsas como por sobres de agasallo, os pequenos comercios seguen ofrecendo o servizo de empaquetado de forma gratuíta e ademais, grazas ao apoio da Xunta de Galicia ao Centro Comercial Aberto de Redondela, coa garantía de ser un empaquetado ecolóxico elaborado con produtos reciclados, impresos con tintas ecolóxicas e totalmente biodegradables.
Durante esta semana estase a realizar a distribución do material entre os comercios asociados consistente en bolsas, sobres de agasallo de distintos tamaños, etiquetas decorativas co mensaxe de Bo Nadal e pegatinas. O comercio de Redondela mostra así unha imaxe comercial unificada cunha estética común e única de Redondela que distingue ao comercio local comprometido e aliñado cos compromisos de coidado do medioambiente.