A publicación fai un percorrido pola historia, a natureza e o patrimonio deste territorio. Un libro enmarcado dentro da colección editada polo Concello de Redondela –todos eles con portada de Ángel Barros- sobre as parroquias do municipio. Presentarase este venres na Cultural de Vilar nun acto aberto ás 18:30 horas no que se entregará un exemplar a cada un dos asistentes e que contará coa presenza da acaldesa Digna Rivas.
Un traballo de recompilación e verificación de todos eses datos cos que xa contaba este veciño da parroquia da como resultado un libro cheo de información sobre a toponimia, como se desenvolveu Vilar ao longo do tempo, a súa realidade económica e social… Son algúns dos contidos que imos atopar nesta publicación que arranca precisamente falando de toponimia porque, explica Xurxo Fernández “houbo certa polémica en torno ao nome da parroquia” e de feito documenta “todo tipo de extravagancias: Villar, Vilar de Infiesta, Villar de Enfiesta”.
Un inicio que lle serve para falar doutras cuestións vencelladas coa orixe da parroquia, da evolución do seu territorio e do desenvolvemento social con referencias especiais a súa situación xeográfica. Neste sentido salienta o autor que “Vilar queda un pouco no extremo respecto do centro da vila o que fixo que as relacións dos seus habitantes tamén foran moi intensas con zonas de Vigo como O Calvario ou mesmo con Mos e o Porriño máis aló de Redondela”.
Un libro que tamén recolle curiosidades que marcan a personalidade dos seus veciños e veciñas así como unha referencia especial e incluso reivindicativa da escola de Porto Cabeiro que este ano celebra os seus 50 anos da historia, “porque é necesario por en valor o papel fundamental das escolas para manter vivas as parroquias”.