Foto baixo licenza Creative Commons
Aseguran que cada vez son máis ás familias que se poñen en contacto con eles para denunciar que os seus fillos e fillas non están a recibir a atención que a propia administración lles recoñece. Demandan que se estableza un protocolo de actuación, de obrigado cumprimento “para asegurar a atención a diversidade dende infantil ata a realización das ABAU”. O obxectivo é que as familias non teñan que enfrontarse a dificultades como as denunciadas por unha nai cun fillo con síndrome de Asperger ante á Consellería.
A federación de Anpas de Redondela apoia a todas as familias que se senten “desatendidas e fartas” de que sexa a propia administración educativa o maior dos problemas aos que se enfrontan constantemente, ben polo súa propia inacción ou falta de medios ou ben por unha falta de control para que sexa efectivo o cumprimento da normativa. Aseguran non entender como aínda hoxe en día unha familia con nenas ou nenos con necesidades específicas de apoio educativo (ACNEAE), ten que estar constantemente chamando a todas as portas para procurar a atención para unha filla/o do que o sistema xa ten coñecemento, e para o cal debería existir un camiño organizado de atención. A confederación de Anpas demanda que se estableza un protocolo de actuación, de obrigado cumprimento, para asegurar a atención a diversidade dente infantil ata a realización das ABAU.
Neste sentido poñen como exemplo as dificultades dunha familia cun fillo con síndrome de Asperger e déficit de atención, cuxa nai trasladou unha carta á Consellería na que relata que leva “toda a vida batallando cos centros educativos para que cumpran co recollido na lexislación”. Denuncia que “as familias non podemos depender de que o centro, o profesorado ou orientadores/as lles apeteza poñerse a traballar e dar a este tipo de alumnado as ferramentas que precisan e as que teñen dereito, para poder ter unha verdadeira educación inclusiva”.
Neste sentido critica tamén a falta de información que se lles achega ás propias familias así como a “ficticia inclusión” que padece o alumnado con necesidades especiais “con camiños marcados previamente”, onde se lle pechan as portas a que accedan a estudos de bacharelato e universitario orientándoos á FP básica ou a algún ciclo cando “cand o problema non estaría no alumnos senón no propio sistema educativo que non lles da a oportunidade nin os medios necesarios para poder conseguilo”.