Os populares alertan do atraso en diversas obras pendentes que poderían supoñer perda de parte dos fondos europeos Edusi. Lembran que a concesión destas axudas están condicionadas a que os proxectos estean finalizados antes do 31 de decembro. Entre as obras que non van cumprir ese prazo salientan o Museo nas antigas vivendas escolares “parado dende a campaña electoral”.
A 10 días de que remate o prazo, insisten os populares “son moitas as obras e servizos pendentes de rematar que poden perder a subvención, como o Museo nas antigas vivendas escolares que se atopa parado dende a campaña electoral e que por riba conta cunha importante inversión que se pode perder”. As obras de mellora de eficiencia enerxética do edificio do concello, o Skate Park de Chapela, a nova páxina web, e o novo Centro de Procesamento de Datos, serían outros proxectos que non estarían rematados en prazo.
Ante “a gravidade da situación”, o PP solicitou a pasada semana unha comisión informativa sobre os fondos europeos xa que descoñecen o nivel de execución dos fondos concedidos sen ter recibido contestación por parte do Goberno local.
O grupo municipal denuncia o escurantismo neste tema dende a chegada de Digna Rivas ao goberno, xa que afirman que “durante o mandato de Javier Bas realizábanse comisións sobre os fondos EDUSI onde se informaba da situación e se acordaban as actuacións que se levarían a cabo cos fondos con todos os grupos políticos”.
Lamentan que “nos últimos 4 anos non nos convocaron nin a unha soa comisión sobre os fondos EDUSI e descoñecemos algunhas das inversións que se fixeron con estes cartos que tanto custou conseguir”, indicaron os populares.
Lembran que estes Fondos Europeos (EDUSI) foron acadados polo goberno do Partido
Popular a finais do ano 2016 e ascendían a 5.000.000 de euros, ao que habería que engadir 1.000.000 de fondos propios que se podían investir en diferentes áreas, desde instalacións deportivas, eficiencia enerxética, accesibilidade, ou dixitalización, entre outros.