En total son 60 fotografías nas que se recollen imaxes da década dos 60 en diante con referencias á celebración dos Maios, as festas de Reboreda ou a nevada de 1963. Un fondo que pasa a formar parte do arquivo municipal o que permitirá que sexan consultadas na web, a través do blog ou a través do Instagram ou Facebook do Arquivo.
Josefa Puga Fernández cedeu temporalmente ao Arquivo Audiovisual do Concello de Redondela o seu álbum de fotografías familiar para que fora dixitalizado e arquivado nas dependencias municipais. Unha vez escaneadas, as fotografías foron devoltas á propietaria quedando o Concello cunha copia das imaxes dixitais. Son 65 fotografías que recollen momentos de Festas do Maios dos anos ‘60, comidas no prado da festa de Reboreda, da nevada do 1963, de grupos de amigas e equipos de hockey sobre patíns entre outras imaxes.
Ana Gesteira, responsable do Arquivo Audiovisual, sinala que con esta nova incorporación o fondo conta a día de hoxe cun total de 4750 imaxes. Esta nova achega é o fondo nº55, no que haberá unha ficha por fotografía describindo, grazas á información da propietaria, “as persoas que aparecen ou o que estaba acontecendo”.
Nos vindeiros días todas as fotografías faranse públicas e difundiranse tanto nas redes sociais coma en papel no propio Arquivo municipal. Para consultalas na web poderase facer a través do blog do Arquivo Audiovisual e no Instagram e o Facebook do Arquivo.
Dende a Concellería de Cultura e o Concello de Redondela agradecéronlle a Josefa Puga esta colaboración, e animan á veciñanza a sumar ao Arquivo as imaxes que poidan ter na casa. “Deste xeito, entre todos e todas, gardaremos a nosa memoria visual”, salienta a alcaldesa, Digna Rivas. “Notamos nos nosos fondos unha carencia de fotografías das parroquias, e por iso queremos pedir ás persoas que podan ter nas súas casas fotografías das parroquias de Redondela que se poñan en contacto co Arquivo municipal”, engade Rivas quen insiste en que “as fotografías seguirán estando nas casas dos seus propietarios e propietarias, pero haberá unha copia custodiada no Concello que coidará da súa conservación e transmisión ás xeracións vindeiras”.