Foto: Susana Crespo e Cecilia Rodríguez
Con ese título preséntase o vindeiro martes no Colexio de Portocabeiro un libro no que se recompilan traballos realizados por rapaces e rapazas que pasaron por este centro educativo que o ano pasado celebraba o seu 50 aniversario. No libro atópanse traballos nos que se fala sobre diferentes aspectos vinculados ás parroquias de Negros, Cabeiro e Vilar. O libro, que naceu dunha iniciativa conxunta co servizo de Normalización Lingüística, está editado polo Concello.
O libro recompila traballos realizados por alumnado do centro ao longo de máis de catro décadas. Traballos que estaban almacenados no colexio e que foron escaneados e reunidos para esta publicación que será presentada nun acto no colexio o martes ás 17:30 horas.
Entre os traballos máis antigos podemos atopar coplas da festa do galo pero hai tamén referencias ao patrimonio (fontes, cruceiros, milarios, muíños), as festas como a da mazá ou as patronais, e outro apartado centrado nas tradicións e lendas ou mesmo aos oficios.
Non todos os textos están identificados porque algúns dos traballos realizados por estes rapaces non contaban con ningunha referencia ao seu autor. Susana Crespo convida a todas as persoas que nalgún momento tiveron relación co centro a que se acheguen a presentación do martes “levarán un exemplar de balde e quizais poidan recoñecer algún traballo como propio”.
Un xeito de poñer o colofón ao 50 aniversario do Centro así como un recoñecemento “ás mestras e mestres que motivaron ao alumnado para facer este tipo de traballos”.