O colectivo pro-palestino de Redondela recupera hoxe e de xeito semanal todos os luns ás 20:00 horas a concentración na praza do Concello para esixir o alto ao fogo tras “máis de 90 días de brutais ataques sobre a poboación de Gaza”. Unhas protestas que queren tamén denunciar “a inacción ou complicidade co sionismo das institucións e autoridades do noso país, o estado español e a Unión Europea, ante escalada da violencia colonial na Cisxordania ocupada”
Cada luns, a partir de hoxe 15 de xaneiro, convócase á cidadanía ás 20.00h na Praza do Concello, para esixir o alto ao fogo permanente, o fin do asedio á faixa de Gaza, a ruptura das relacións diplomáticas e comerciais co estado sionista así como o recoñecemento do Estado Palestino. Tamén se busca con estas protestas concienciar na importancia das accións de boicot e mobilizacións mentres non se acaden estes obxectivos.
Malia que a cobertura da agresión teña decaído, a violencia segue a medrar como indican as cifras de persoas asasinadas que xa superan as 23.500, das que máis de 9.600 eran crianzas, e sen contar as máis de 7.000 desaparecidas. O balance de persoas feridas de diversa consideración xa superan as 60.000, feito especialmente grave debido ao colapso do sistema sanitario palestino por mor dos crimes de guerra cometidos polo estado sionista.
“Deixar de visibilizar a masacre supón abandonar o pobo palestino e perpetuar o seu sufrimento” explican dende o colectivo pro-palestino de Redondela que convida á cidadanía a amosar a súa solidariedade cada luns na Praza do Concello ás oito da tarde.