O goberno local lamenta que o PP non apoie as reivindicacións das traballadoras e traballadores do mar de Redondela e nega interese electoral nesta decisión “xa que foi o sector do mar” quen convocou a manifestación celebrada onte en Santiago baixo o lema “En defensa do noso mar”.
O PP denunciou ante a Xunta Electoral Central á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, polo feito de que o Concello puxese a disposición da veciñanza autobuses para acudir á manifestación celebrada onte en Santiago.
A rexedora local nega que exista interese electoral nesta decisión dado que foi o sector do mar quen convocou a mobilización “para denunciar a grave situación que vive o sector pesqueiro e marisqueiro” e que apoiaron ducias de colectivos e asociacións de toda Galicia, entre eles o pósito redondelán e colectivos como a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón. Entende que como alcaldesa “débese aos seus veciños e veciñas e, ante a petición de colaboración por parte da Confraría” decidiron apoiar aos traballadores e traballadoras do mar.
Por último Rivas lamenta que o PP non apoie as reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro de Redondela, “xa que foran informados previamente na Xunta de Voceiros da decisión adoptada polo goberno local tras a petición da Confraría”.