Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP denuncia irregularidades nos obradoiros de emprego que o resto dos grupos negan

pleno 23

Atrasos no inicio dos cursos, falta de docentes, escasa publicidade e un proceso de selección manifestamente mellorable, son algunhas das irregularidades enumeradas pola concelleira do PP, Ana Alonso, na sesión extraordinaria celebrada onte a petición do seu grupo. Unha sesión na que se atopou de fronte ao resto dos grupos quen argumentaron que no proceso non interveñen os grupos políticos e están en mans de funcionarios.

Ao longo dunha prolongada intervención Ana Alonso fixo un percorrido polo que cualificou de “numerosas irregularidades” na convocatoria, no proceso de selección e na posta en marcha dos dous obradoiros de emprego – o Redondela TIC III e o Redondela máis que bela IV- que están a día de hoxe funcionando en Redondela e que contan cun orzamento da Xunta de Galicia de preto de un millón de euros.  Ademais de poñer o foco nas preguntas e o proceso desenvolvido para a elección do alumnado traballador, que segundo dixo deu lugar a numerosas reclamacións, salientou que non se respectaron os principios de publicidade, concorrencia e transparencia esixidas na convocatoria, o que supuxo que moitas persoas interesadas non puideran acceder aos mesmos. Por todo isto, instaban á alcaldesa a depurar as responsabilidades oportunas pola xestión realizada nestes dous obradoiros de emprego.

Ana Alonso, PP

O edil de AER, Roberto Villar preguntáballe aos populares que se “tan mal estaba todo o proceso, por que non o denunciaron ante Xunta de Galicia, que é quuen ten a capacidade de suprimir os obradoiros ou investigalos”.

Roberto Villar, AER

Dende o BNG, David Couñago, criticaba que o PP presente agora esta moción “cando na comisión correspondente non fixeron ningunha proposta” e lembraron que as mesas están conformadas por funcionarios “nos que nós confiamos plenamente”. Aproveitaron tamén para criticar unha formación que a Xunta “está a empregar para maquillar os ratios do paro e para facer obras no concello”. Puxo como exemplo a rotonda de Cabanas ou o axardinado da parcela ocupada no pasado pola casa de Fenosa.

David, Couñago, BNG

O responsable do departamento de emprego, Antonio Cabaleiro, afirmou que moitas das irregularidades denunciadas polo PP “son responsabilidade directa da Xunta e non do Concello” e insistiu tamén en que as preguntas e o proceso –tan criticado polo PP- foron feitas polos funcionarios.

Antonio Cabaleiro, PSOE

Pechaba a súa intervención Ana Alonso argumentando que “non denunciamos para evitar que este alumnado quedara sen estes obradoiros que lles permitirá cobrar un salario durante un ano”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará