As entidades sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento poden solicitar ata o 1 de marzo algún dos 207 obradoiros ofertados dende a Deputación. As actividades son diversas e van dende a alfabetización dixital, pasando por actividades de xardinería e horta ecolóxica, obradoiros centrados na saúde ou acción formativas.
A través deste programa, dotado con 300.000 euros, a institución provincial pretende impulsar a participación activa das mulleres, xerando vínculos e fomentando as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias
Cada entidade poderá solicitar un dos 207 obradoiros ofertados e o prazo para facelo manterase aberto ata o 1 de marzo. As accións formativas, dirixidas a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e cunha duración de 35 horas, enmárcanse nas temáticas de tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde.
Deste xeito, en “+Tecnoloxía” contémplanse cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais. Pola súa banda as en “+ Creatividade”,as entidades poderán seleccionar entre accións formativas relacionadas coa pintura a outras centradas no teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro.Ademais, a través de “+ Natura” a Deputación de Pontevedra inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral, e, por último,“+ Saúde”, ofrece obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena.