PP, PSOE e BNG deixáronse ver na xornada de onte no tradicional mercado do día 6. Ao longo da mañá os clientes atopáronse cos representantes dos tres principais partidos facendo campaña en Redondela.
Os candidatos do PP pola circunscrición de Pontevedra, Alberto Pazos e Raúl Santamaría, visitaron a feira de Redondela no marco da campaña electoral do 18F. Santamaría, que tamén estivo acompañado polo voceiro municipal, Javier Bas, o membro do comité de campaña e delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera pedíu decididamente “un apoio masivo” do pobo de Redondela para Alfonso Rueda, “xa que elo favorecerá aos mozos, pero tamén ás súas familias, xa que é o mellor xeito de que sigamos a ter máis e máis oportunidades para desenvolver o noso proxecto de vida en Galicia”.
Neste senso, o candidato arousán indicou que na actualidade hai 2.273 mozos redondeláns de menos de 21 anos que xa se benefician do transporte gratuíto grazas á Tarxeta Xente Nova impulsada pola Xunta e engadíu que, se Alfonso Rueda revalida a maioría absoluta, “volverá a haber grandes novidades para os mozos, xa que a primeira matrícula universitaria de cada materia será gratuíta a partires do vindeiro curso 2024/2025, o que beneficiará directamente aos 600 mozos e mozas de Redondela que cada ano adoitan matricularse no Sistema Universitario Galego”.
Críticas do PSOE
En canto ao PSOE, a alcaldesa Digna Rivas acompañada do candidato Carlos Font e a deputada socialista no parlamento Galego, Leticia Gallego achegáronse á feira e máis concretamente a zona da Avenida Mendiño para denunciar que “a Xunta do PP non cumpre nin os convenios que asina” en referencia aos atrasos continuados que padece o arranxo desta vía que comunica o centro da vila co peirao de Cesantes e que é empregada a diario por centos de escolares que se dirixen aos colexios e institutos da zona así como polos usuarios dos centros deportivos e o centro de saúde ubicados nesta zona da Marisma.
Reparto de propaganda do BNG
Tamén o BNG aproveitou a presenza de veciños e veciñas que se achegaron á feira redondelá para facer reparto de propaganda solicitando o voto para a súa formación e para a súa candidata, Ana Pontón.