Os comuneiros de Amoedo, propietarios dos terreos, denuncian que a negativa destes dous partidos, fronte aos votos a favor do goberno e o BNG, supoñen un prexuizo para todo o concello ao manter paralizada esta zona industrial e deixar nunha situación de inseguridade xurídica ás empresas que operan neste espazo. O alcalde, Luciano Otero anuncia que persistirá “no meu compromiso de converter Pazos nun pobo atractivo para investimentos e desenvolvemento empresarial”. Con todo, o presidente da Comunidade, Miguel Míguez ve difícil que a situación se arranxe ante a coalición de PP e PSOE neste asunto.
A modificación puntual do polígono industrial de Amoedo foi o punto máis problemático dos abordados no pleno celebrado na xornada de onte en pazos de Borbén. Un pleno que se atopaba ateigado de xente logo de que a Comunidade fixera un chamamento aos veciños para que asistiran a esta sesión ante a necesidade de facer presión para que o pleno aprobase este punto “prioritario para desbloquear a paralización na que se atopa esta zona empresarial dende hai anos”. Con todo, e tal e como xa acontecera quince días antes, a moción foi rexeitada ao votar en contra PP e PSOE.
O problema nace, segundo explica o presidente da comunidade de montes, Miguel Míguez, cando os terreos nos que se atopaba o polígono e que “foran usurpados polo concello, regresan a mans da comunidade de monte por sentencia xudicial no 2019”. O goberno do PP decide nese momento facer unha modificación do plan urbanístico que supón que os terreos nos que están esas empresas deixan de ser terreo industrial consolidado.
A non aprobación desta modificación puntual ten como consecuencia directa que non poidan asentarse novas empresas e completar o polígono na súa totalidade, onde aínda quedan libres 18.000 metros cadrados. Pero Míguez asegura que as repercusións son moito maiores “xa que as empresas que xa están asentadas no polígono quedan agora nun limbo, o que podería conlevar tamén consecuencias catastróficas para o Concello no caso de que teña que indemnizalas”.
“Esta situación está a causar un grave perxuízo aos cidadáns, xa que esta zona industrial é a principal fonte de desenvolvemento económico e social do municipio. Se non hai empresas non hai traballo” lamenta Míguez quen asegura que puxeron sobre a mesa un convenio que beneficiaba tanto a Comunidade de montes como ao Concello, veciños e empresas “e PP e PSOE votaron non, por votar non”.