Acto sobre a sanidade celebrado este xoves polo PSOE en Soutomaior
A candidata nacionalista Ana pontón participa hoxe venres nun mitin que terá lugar ás 20:00 horas no Multiúsos de Arcade. Pola súa banda, este xoves a candidata do PSdeG, Paloma Castro visitou o Centro de Saúde para denunciar “a falta de persoal e medios que deteriora aínda máis a sanidade pública na vila”.
A candidata do BNG á Xunta Ana Pontón participará hoxe ás 20:00 horas nun acto electoral no Multiúsos de Arcade acompañada polo cabeza de lista nacionalista pola provincia de Pont4evedra, Luís Bará. O mitin de campaña tamén contará coas intervencións do candidato Diego Moreira, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo e a alcaldesa de Tomiño, sandra González.
Pola súa banda, a número tres da lista por Pontevedra, Paloma Castro visitaba onte Soutomaior para denunciar a “insostible” situación sanitaria e o abandono do actual goberno da Xunta á veciñanza “á que castigan sen pudor incumprindo un dos seus dereitos básicos como é o da sanidade pública”. Na súa visita ao Centro de Saúde falou “dunha situación agravada pola falta de medios e persoal, sen que Rueda mova un dedo”. Castro, xunto á Secretaria Xeral do PSOE na vila, Silvia Cernadas, alentaron á cidadanía o día 18 “a un voto masivo a Besteiro, un voto polo cambio inmediato dunha Xunta do PP esgotada e sen rumbo, despois de 15 anos de recortes que levaron a Soutomaior e a Galicia a unha situación desastrosa”.
Cernadas detallou a situación no pobo. “Temos só 3 médicos de adultos, non hai dentista e levamos máis dun ano sen pediatra co que case 1.500 menores teñen que ser atendidos baixo cita previa con demoras de máis de 15 días”. Denunciou que non se cubran baixas nin vacacións, ou que o Consultorio de Romariz leve pechado 4 anos desde a pandemia.