As Pandereteiras de Tourón, de San Vicente, da Hermida, de Regodobargo, de Gargamala e outros grupos serán os encargados de poñer música tradicional a este martes de entroido en Soutomaior. A cita desenvolverase na carpa de Talo Río a partir das 20:30 horas e ata a medianoite e nese horario darase a coñecer tamén o comercio gañador do Concurso Vaia Meco! no que participaron máis de vinte negocios que se animaron a decorar os seus escaparates coa tradicional figura do meco.
Promovido pola concellería de promoción económica, comercio e hostalería este concurso contou co favor do comercio e a hostalaría local que se sumou masivamente á iniciativa. Máis de vinte mecos pódense ver estes días neses establecementos que decoraron os seus escaparates con estes bonecos tradicionais do entroido. Hainos reivindicativos, enxebres, sobrios ou cheos de cor e complementos… e todos eles pódense ver paseando polas rúas de Arcade e Soutomaior. Dende a concellería agraceden a colaboración dos comerciantes e hostaleiros, restaurantes, tendas de alimentacións, perruquerías, farmacias ou agros que se sumaron a iniciativa que busca promover o Entruido no concello.
O xurado, integrado por Tamara Campos, Marcos Mariño e Mar García, artistas e profesionais con ampla experiencia nesta materia, serán os encargado de dar o veredicto logo de percorrer cada un dos establecementos decorados.