Baixo o nome “Miradas diversas na infancia”, o instituto da parroquia de Chapela acolle durante esta semana (do 26 de febreiro ao 1 de marzo) unha xornadas de formación orientadas a profesorado e alumnado arredor da diversidade funcional nas primeiras etapas da vida. Abórdanse temas como a atención terapéutica en TEA, a atención temperá en Síndrome de Down ou o déficit de atención e a hiperactividade.
Organizadas dende o Departamento de Servizos Socioculturais e á comunidade, buscan achegarlles aos participantes, tanto profesorado como alumando, a diversidades funcional na infancia para que poidan coñecer as intervencións que se fan con esta rapazada e coas súas familias.
Expertos e especialistas en diferentes cuestións vencelladas coa diversidade participan destas xornadas organizadas dende o Instituto co obxecto de ofrecer formación á hora de abordar a diversidade funcional nas primeiras etapas da vida. A finalidade é que os participante coñezan e compartan diferentes experiencias de intervención especializada na infancia, contribuíndo á toma de conciencia e sensibilidade acerca da realidade que viven nenos, nenas, familias e profesionais neste eido. Para iso contan con profesionais de recoñecido prestixio neste eido, procedentes de entidades como APAMP, Amencer-Aspace, Down Vigo, Organización XOGA, Fundación Menela, ANHIDA Vigo, Centro Juan María e Centro San Rafael, entre outros servizos especializados en atención temperá, educación especial e inclusión na contorna de Vigo.
De cara o futuro e logo do éxito da actividades, están a valorar a posibilidade de abrir as xornadas par que poidan asistir persoas alleas ao centro que poderían así coñecer de primeira man experiencias de intervención e acompañamento a menores con diversidade funcional.