A nave industrial situada na Portela, coñecida como A Fedora, vén de ser rehabilitada por catro mozos que se uniron para converter o lugar nunha “conserveira cultural”, un espazo no que ofrecer unha programación cultural estable aberta a proxectos diversos. A inauguración será este domingo a partir das 12:00 horas cunha xornada intensa de música, gastronomía e circo.
A Fedora, nave industrial situada na Portela, debe o seu nome a que producía combustible a partires das graxas dos peixes, un proceso que provocaba cheiros que apestaban toda a vila. O nome vai permanecer nesta nova etapa da nave, pero o seu uso cambia radicalmente. A Asociación cultural integrada por Nicolás Edreira, Isaac Millán, Noel Fandiño e Roberto Casal, todos eles vinculados ao mundo da cultura, decidiron reconverter a Fedora nun espazo cultural de uso comunitario “hai unha carencia evidente de espazos culturais na vila e confiamos en que esta proposta sexa a solución”.
Explica Roberto Casal que a idea xurde ao constatar a necesidade de espazos nos que gardar o material propio da actividade cultural (escenografía, material técnico, equipos de son…) ao tempo que a ausencia de lugares nos que se poidan facer eventos e actividades culturais abertas ao público en xeral.
De feito, o obxectivo da Asociación é involucrar a un maior número de persoas no proxecto e poñer en marcha unha programación dinámica, estable e variada que permita converxer a todas esas persoas que teñen proxectos culturais. En definitiva, ser un punto de encontro arredor da cultura e das artes.
A presentación en sociedade será o vindeiro domingo día 3 cunha sesión vermú onde actuará o propietario da nave Alfonso Blanco “Gharabillo”, a cantautora Sofía Espiñeira e a continuación os asistentes poderán tamén mercar a súa comida nun foodtruck que estará no local para poder gozar tamén de gastronomía. Unha xornada que rematará a media tarde cun cabaret de circo.