Os tres amigos veciños de Redondela lograron esta fin de semana un novo paso cara o seu obxectivo: completar con éxito os seis grandes maratóns do mundo. Logo de superar este domingo os 42 kilómetros da carreira de Tokio tan só lles resta por superar unha última proba, a maratón de Boston.
Os atletas contan dende a capital nipona –onde aínda permanecerán uns días- que a proba arrancou ás 8 da mañá do domingo cando os termómetros marcaban tan só 6 graos. Xunto con outros 38.000 participantes arrancaron un percorrido de 42 kilómetros, unha proba que subliñan é coñecida “pola súa esixencia física pero tamén pola súa beleza escénica, xa que atravesa varios dos lugares más emblemáticos de Tokio, como o Templo Sensoji, o Palacio Imperial e o cruce de Shibuya que ofrece aos participantes unha experiencia inesquecible chea de desafíos físicos e mentais”.
Os tres amigos de Redondela, Roberto Lago, David Alonso e Jose Manuel Lago, foron quen de completar a carreira dando un paso máis no desafío que emprenderon anos atrás de cara a completar as seis probas que conforman a Abbott World Marathon Majors, os 6 grandes maratóns do mundo.
Superados xa con éxito os maratóns de Chicago, Londres, Berlín e Nova York. Agora, co Maratón de Tokyo suman un novo logro á súa lista e están a pensar xa na última proba que lles falta para completar o circuíto: Boston 2025.