O profesor Santiago Covelo Bugallo será o encargado de impartir este taller práctico que terá lugar o vindeiro luns 11 ás 18:30 horas no salón de actos do Instituto Pedro Floriani. Unha actividade que busca achegar aos participantes como actuar para evitar situacións negativas derivadas do mal uso do móbil e as redes sociais entre os adolescentes.
O debate sobre o uso ou mal uso das pantallas por parte dos menores non é algo novo. Os rapaces usan os ordenadores dende moi cativos e é preciso que tanto nos centros como nas casas se faga unha labor de pedagoxía para aprenderlles que o seu uso ten que ser limitado tanto en tempo como en contidos. Así o entende Santiago Covelo Bugallo quen explica que, ademais dun contrato verbal entre pais e fillos é preciso que os adultos coñezan unha serie de ferramentas de control parental que van servir para previr esas situacións negativas derivadas da falta de control por parte da rapazada.
Explica Covelo que é habitual nas clases detectar alumnado que malia saber que non poden usar o móbil botan man desta ferramenta de xeito continuo pola necesidade que senten de estar permanentemente conectados ou que empregan os propios ordenadores da aula para actividades con fins non didácticos senón para xogos ou redes sociais.
Advirte tamén aos proxenitores que hai patróns que nos van indicar que os nenos e nenas están abusando dos móbiles, ben porque están entrando en páxinas e aplicacións que non son axeitadas para a súa idade ou ben porque pasan un tempo excesivo antes as pantallas. Para evitar esta situación insiste en que o máis axeitado é instalar nos dispositivos móbiles programas de control parental o que nos permitirá coñecer o uso que se está a facer dese dispositivo.
Unha xornada práctica que permitirá aos asistentes aprender a manexar eses programas de control parental ou métodos máis axeitados para garantir o mellor uso destas ferramentas.
As persoas interesadas en participar tan só teñen que anotarse no teléfono do Instituto Pedro Floriani no teléfono 886 120413.