A Selección Galega SUB 14 debuta hoxe no Campionato de España que se celebra en Sanxenxo. Para esta edición está convocada no posto de portaría Uxía Soto do Arealonga FS. A competición ten unha duración de tres días e enfrontaranse a Cataluña, Melilla e Andalucía.
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) concedeu este ano a Galicia a organización do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub 14 e sub 12 femininas de fútbol sala, un evento que se celebrará do 6 ao 10 de marzo en Sanxenxo, Meaño e Poio, sedes nas que se desenvolva a competición. Entre as rapazas do Sub 14 atópase Uxía Soto, membro do Arelonga FS dende os 6 anos e que debuta en representación do club.
Uxía considera o Campionato de España “unha oportunidade única” porque un dos seus soños, ademais de gañar a liga coa súas compañeiras do Infantil Arealonga FS, é “ser xogadora profesional”.
Leva dous anos xogando coa Selección Comarcal Infantil de Vigo e esta é a primeira vez que da o salto á Selección Autonómica. A porteira redondelá terá ocasión de xogar rodeada de compañeiras desta selección comarcal que considera amigas, “porque o deporte ensínate valores e une as persoas”.
O seu adestrador, Iván Vázquez, asegura que o punto forte de Uxía é “a súa versatilidade, por ter a capacidade de ser porteira e xogadora de campo”. Gracias a isto ten coñecemento e visión de xogo, sendo un apoio tamén importante para o equipo cadete cando se precisa. Di “sentirse moi orgulloso dela”.
Comezou a xogar ao Fútbol Sala grazas ao apoio da súa nai que estará no Pavillón de Baltar animándoa xunto co resto de amigos e familia. A pesar de que a súa avoa e o seu pai pensaba que “o fútbol non era para nenas” ambas decidiron apostar por este deporte e darlle a volta a a unha idea que en Galicia está quedando cada vez máis anticuada. O Arealonga FS conta nestes momentos con xogadoras en tódalas categorías e entenden “a importancia de levalas da man co masculino e fomentar o deporte feminino”.
As xogadoras xa están no seu hotel de concentración para preparar con todo detalle a cita deportiva. O Grupo A, no que se atopa Galicia, xoga no pavillón municipal de Baltar e hoxe celebran o primeiro enfrontamento contra Cataluña.