Un ano máis a asociación Millo Verde organiza unha nova edición do seu concurso de maquetas. Un certame que chega a súa XVI edición co obxectivo de ofrecer unha oportunidade ás novas propostas musicais. Poden participar na convocatoria grupos e solistas con residencia en Galicia que non teñan disco editado por discográficas profesionais. Deberán enviar as súas propostas como data límite o 31 de marzo. As bandas que o desexen poden presentar un conxunto de tres cancións en formato mp3 no correo electrónico maketas@milloverde.org
Do total de maquetas recibidas, a asociación seleccionará un total de 2 grupos que participarán nunha festa-concerto o 20 de abril que se celebrará na Antiga Feira do Gando de Redondela
Nesa celebración, o público asistente votará polo gañador final, o cal percibirá 500 euros e formará parte do cartel do XVII Festival Millo Verde, que terá lugar en Redondela os días 6, 7 e 8 de Xuño na praia de Cesantes, mentres que o segundo finalista percibirá unha recompensa de 150 euros.