O director da Banda Andrés Álvarez foi o encargado de escribir as partituras que poñen música aos contos “Escarlatina, a cociñeira defunta” e “A balada dos Unicornios” e que se poderán escoitar este sábado ás 20:30 horas no Multiúsos do Piñeiral do Crego. No escenario estará a actriz Cristina Collazo quen será a encargada de darlle voz aos textos de Costas.
“A balada dos Unicornios” será estrea absoluta na xornada de mañá mentres que “Escarlatina, a cociñeira defunta” xa fora estreada anteriormente, malia que será a primeira vez que se poida escoitar o texto na voz de Cristina Collazo ao tempo que se escoita a música interpretada por esta Banda de Música integrada por xente moi nova, cunha media de idade en torno aos 14-15 anos. Mozos e mozas que coñecen eses textos de Ledicia Costas e que tamén queren ofrecer espectáculos diferentes “máis aló dos pasodobres, que están moi ben, pero enriquecendo o seu repertorio con música de cine e neste caso cunha banda sonora que acompaña a un texto escrito”.
Detrás do espectáculo moitas horas de traballo e ensaio que se verá recompensando con esta actuación que sempre conta con cheo de público para gozar desta actividade enmarcada nas conmemoracións en torno ao Día da Muller.
A cita é este sábado día 9 ás 20:30 horas no Multiusos de Chapela con entrada libre ata completar aforo.