O ciclo menstrual, a menopausa e a sexualidade son os argumentos que ao longo desta semana se van abordar nunhas charlas e obradoiros que se impartirán na Oficina de Turismo e que están enmarcados nas actividades do 8M que organiza a Concellería de Igualdade. Expertas na materia serán as encargadas de conducir estas actividades nas que compre inscrición previa a través do correo electrónico multiusosredondela@gmail.com ou no teléfono 986 402865.
A cita prevista para este xoves 14 centrarase nos cambios físicos que arrancan na preadolescencia. A matrona do centro de saúde de Redondela, Carla Estévez será a encargada de impartir este taller na xornada de mañá ás seis da tarde co obxecto de crear un espazo aberto que promova as preguntas e a discusión, orientado a preadolescentes, adolescentes e pais e nais no que se achegará información sobre os cambios físicos que as mulleres experimentan ao entrar na adolescencia. Abordaranse cuestións prácticas como o funcionamento do ciclo mentrual e os coidados da vulva, as opcións de hixiene menstrual como a copa, o tampón e as compresas de teas e as bragas menstruais así como os métodos anticonceptivos.
“Alimentación, ciclo menstrual e menopausa” é o título da charla que se impartirá o venres en horario de 19:00 a 20:30 hora a cargo da dietista nutricionista do Sergas, Carolina Troncoso. Abordaranse nesta sesión cuestión prácticas sobre a conexión entre a alimentación e a saúde hormonal, alimentos e nutrientes que poden axudar a minguar síntomas comúns así como os que favorecen a saúde ósea e cardiovascular.
Na xornada do sábado a quenda será para un obradoiro que se impartirá en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas sobre “sexualidade e saúde sexual, o pracer dende o respecto e o autocoñecemento”. Unha actividade que correrá a cargo da Diplomada en Saúde Sexual e reprodutiva das mulleres, María García e na que se achegará ás participantes ferramentas e recursos que fomente o autocoñecemento da sexualidade de forma plena e satisfactoria.