O CD Atlético Villar sobrevive cun campo de terra en mal estado e con só 20 fichas rexistradas, coas que conforman o equipo sénior e a directiva. Nestes momentos están preto do ascenso a Segunda Galicia e solicitan axuda das administracións públicas e o Concello de Redondela para manter un proxecto con máis de 55 anos.
Fundado en 1969 contan coas mesmas instalacións dende o inicio, polo que o campo de terra, vestiarios e iluminación deteriorouse co paso do tempo. A falta de infraestruturas axeitadas dificulta a achega de novos xogadores interesados no club impedindo que creza e incluso facendo perigar a súa existencia, pois non teñen categorías base que apoien ao sénior.
O adestrador, Mon, afirma que “sobreviven a pesar das instalacións grazas á implicación dos xogadores que aínda están en idade de xogar”. A directiva está traballando coas administracións para solucionar este problema, pero “os trámites son lentos e senten que loitan contrareloxo”.
A pesar desta mala situación, o equipo sénior situase moi preto de subir a Segunda Galicia. Están demostrando a súa forza e valía cunha racha de 8 partidos gañados que os sitúa na cuarta posición, praza directa ao ascenso. Este resultado foi grazas a un percorrido emocionante en Terceira Rexional no que comezaron sen destacar demasiado e segundo transcorrían as xornadas o interese dos xogadores e a positividade do adestrador subiron os ánimos e as vitorias.
Vilar de Infesta é unha parroquia con moita tradición futboleira e con rapaces interesados en xogar preto da casa. Mon entende que o ascenso “non é determinante para salvar a situación, senón mellorar os medios cos que contan para rescatar ao club” que é o que realmente está en xogo. Para eles o máis urxente é captar deportistas e poder ter continuidade nas seguintes tempadas, porque “as condicións do campo son un agravio en comparación co resto de equipos do municipio”.
Piden axuda das administración públicas e do Concello para atallar este problema. Dan as grazas á afección que se achega todos os domingos a velos xogar e esperan continuar con este bo refacho que demostra a súa forza como equipo e como club. A próxima xornada enfrontaranse ao Racing de Castrelos, decimoprimeiros na táboa xeral.